Publicación destacada

Queres estar informado das actividades da ANPA? Subscríbete enchendo o formulario

Formulario inscrición ANPA

xoves, 17 de decembro de 2020

Demanda de mellora da comunicación do profesorado cos pais e nais

Transcorrido case un trimestre deste curso 2020/2021, as restricións e condicionamentos derivados da COVID está tendo consecuencias negativas na comunicación das nais e pais co profesorado dos nosos fillos/as. O sistema do ABALAR estase demostrando unha ferramenta moi pouco apropiada para esta finalidade. 

Esta preocupación, que nos fan chegar pais e nais, foille trasladada á dirección do centro coa demanda de que se arbitren, coa maior celeridade posible, medidas para mellorar as canles de comunicación co profesorado, o que redundaría en beneficios de todos. 



Aprazamento da Asemblea Ordinaria 2019

Estimados socios,

Estimadas socias,

Segundo o establecido nos Estatutos da Asociación de nais e pais do alumnado do IES Rosalia de Castro, a asemblea anual ordinaria da Asociación debe celebrarse no último trimestre do ano.  Este ano, debido ás circunstancias actuais, e despois de valorar posibles alternativas, a Xunta Directiva considerou oportuno aprazar a súa celebración, coa previsión de poder convocar dita Asemblea no mes de xaneiro,  condicionado, en todo caso, a que as restricións das autoridades e as condicións sanitarias o permitan.

Agardamos a vosa compresión.

 


venres, 25 de setembro de 2020

Información Consello Escolar 23/09/2020

Onte 23 de setembro tivo lugar unha reunión do Consello Escolar do instituto na que se deu conta do protocolo do curso 2020-2021 e do que forman parte dúas persoas membros da ANPA, Carmen Boo (vogal) e Sonia Veiras (presidenta).
Somos conscientes de que non houbo información suficiente por parte da ANPA durante este período de revisións e cambios de protocolo para o curso, sempre seguindo as directrices impostas pola Consellería de Educación. Realmente non era posible difundir información porque non se sabía con certeza se cada protocolo desenvolvido sería o oficial. Ao longo do verán as directrices cambiaron con normativas diversas publicadas o 22 de xullo e  o 31 de agosto, polo cal o equipo directivo do centro viuse obrigado a refacer o traballo de dous meses nos primeiros días deste mes de setembro.
Un cambio fundamental é o horario de tarde do Bacharelato. Recibimos numerosos mensaxes de preocupación, nerviosismo e desgusto por este plantexamento. Obviamente non nos encanta este horario a ningún dos que temos fillos/as no Bacharelato. Esta situación de epidemia é inaudita e, ao menos de momento, parece que vai a permanecer con nós.
Unha medida fundamental de protección é o distanciamento. Este criterio (definido polas autoridades por unha distancia entre o alumnado de cando menos 1,5 metros) é unha cuestión FÍSICA e RÍXIDA. As aulas do Rosalía teñen unha superficie que non é modificable e esa distancia entre o alumnado levaría inevitablemente a un plan de ensino semipresencial (de forma que a metade dos alumnos estarían recibindo, en tempo real, a docencia on-line, mentres que a outra metade acudiría a clase). Ademais da semipresencialidade, en Bacharelato, a instrución da Consellería foi o desdobre a quenda de tarde, é dicir, SEMIPRESENCIALIDADE EN  QUENDA DE TARDE. A dirección apostou pola presencialidade ao 100%, desdobrando grupos e instaurando o horario desde as 16 horas en adiante que, insistimos, non nos encanta. Temos o compromiso do profesorado para que este curso, coas súas peculiaridades, se desenvolva da forma máis normal para os nosos fillos e fillas.

Dimos traslado de varias preguntas e preocupacións que chegaron ao noso chat e ao correo electrónico da ANPA.

1. Existen espazos onde poida permanecer o alumnado con exención de algunha materia durante as horas en que sexan impartidas ao resto da clase?
“Si, hai aulas valeiras (5 e 9 por exemplo) e en todo caso, no adoitan coincidir máis de dous alumnos á mesma hora con exención.

2. Que ocorre coas actividades extraescolares e a preparación de exames de nivel de idioma?
De momento, non se planifican actividades extraescolares. Respecto á preparación de exames de nivel de idioma, de momento tampouco se van iniciar, aínda que non se descarta que poidan organizarse cando se estabilice a marcha do curso. Por agora non é viable debido a que é necesario un espazo de tempo entre as quendas de mañá e tarde para a asepsia das aulas”.

3. Existe un plan B sólido para o caso de un novo confinamento? ¿A dirección comprométese a que no caso de novo confinamento o alumnado retomará inmediatamente o ensino por medios telemáticos?
“A formación en ferramentas dixitais foi impartida ao profesorado. Durante a primeira semana de clase traballarase simultaneamente con ferramentas presenciais e on-line para testar que o manexo e a accesibilidade do alumnado son adecuados”.

4. Horario de tarde. Moitas familias plantexan a dificultade que suporá para a conciliación familiar, a práctica de deportes de equipo, as clases de reforzo en academias e o ensino no Conservatorio de música.
“De momento sábese que o Conservatorio habilitará clases en horario de mañá. As normas fronte á Covid-19 rexen para todos os centros de ensino e todas as actividades de grupo. O esperable é que tamén sexa necesario o desdobre de grupos en academias e non é improbable que se abran grupos en horario de mañá. Ata agora, a normalidade era que o alumnado estivese nos seus centros educativos polas mañás, polo que todas as actividades citadas se desenvolvían pola tarde. Obviamente, no pode asegurarse pero parece plausible que se inicien estas actividades en horario de mañá.

5.Valorouse o uso de espazos públicos fora do IES Rosalía de Castro como alternativa e como ampliación das aulas para evitar a quenda de tarde?
“Así é. Valoráronse varios edificios: San Martiño Pinario, Mestre Mateo e San Clemente. A realidade é que hai que recolocar a máis de 300 alumnos e os espazos citados no son suficientes para ese volume de persoas. Aínda no caso de que o espazo fose suficiente, non sería viable para o profesorado (ubicado no claustro do Rosalía de Castro) realizar a tempo os desprazamentos aos distintos edificios para impartir as clases con puntualidade.

Desde a Xunta directiva da ANPA seguimos de cerca o enorme esforzo do equipo directivo por deseñar este novo curso con todas as súas cambiantes peculiaridades. Desexamos manifestar o noso agradecemento e apoio. As circunstancias especiais que estamos vivindo esixen responsabilidade e a aceptación de medidas que non sempre nos agradan.

venres, 18 de setembro de 2020

Nota informativa intercambio de libros

Información para as familias anotadas para o intercambio de libros.

Mediante o entrecruzamento dos contactos obtidos dos formularios distribuídos cos sobres de matrícula puidéronse xestionar 90 intercambios de libros.
Inicialmente desestimáronse as peticións de libros que no ofrecían ningún a cambio, agás no caso de 1°ESO no que puidéronse resolver 15 das 28 solicitudes.
Un importante motivo de bloqueo e de obstáculo atopámolo no 2° curso de Bacharelato. O alumnado do centro "esquece" doar os seus libros ou directamente póñennos á venda. Así xéranse moitas reticencias para obter cesións de libros de 1° Bacharelato  dado que solicitan os de 2° y non dispoñemos deles. A cadea de intercambio reséntese a partir de aí.
Moitas grazas ás familias que doan sen esperar obrigatoriamente recibir libros a cambio, aínda que intentamos que así sexa.
No momento actual dispoñemos dalgúns libros de 2° de Bacharelato de Sociais (lote incompleto).
Sentimos non poder satisfacer o 100% das solicitudes.

martes, 15 de setembro de 2020

Posicionamento da Xunta Directiva da ANPA diante do incio do curso 2020-2021

A Xunta Directiva da Asociación de Nais e Pais do I.E.S. Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, reunida o xoves 10 de setembro, diante da confusión e incerteza xerada sobre o inicio do curso 2020-2021, manifesta o seguinte: 

  1. En primeiro lugar, criticamos a falta de previsión e a indefinición na que se está a mover, organizativamente, o inicio do curso académico, con protocolos que se modifican e se aproban en datas tan próximas ao inicio do curso que imposibilitan a implementación das medidas por parte dos centros educativos, polo que a nós respecta, do I.E.S. Rosalía de Castro.
  2. En segundo lugar, amosar o nosa firme aposta e o noso convencemento de que o modelo educativo a seguir pasa necesariamente pola docencia presencial en todo os niveis educativos, tanto na ESO como no Bacharelato, rexeitando alternativas que non son tales, xa que non garanten un desenvolvemento formativo de calidade dos nosos fillos e fillas. Ditas “alternativas” están unicamente guiadas e responden á máxima de “custe cero” por parte da Consellería de Educación. 
  3. Defendemos e apoiamos a proposta cursada polo equipo directivo do mesmo, que permite un modelo presencial 100%, cos desdobres das aulas proposto, entendendo que sería o máis beneficioso para os/as rapaces/zas.
  4. Esiximos á Administración Educativa o investimento necesario en canto a dotación de medios materiais e humanos para poder afrontar unha docencia 100% presencial no vindeiro curso. Neste senso, facemos especialmente fincapé na necesidade de dotar ó I.E.S. Rosalía de Castro do persoal docente suficiente para atender a proposta de desdobre das aulas proposta. 

As nosas fillas e os nosos fillos merecen que, quen ten nas súas mans a responsabilidade e competencia da organización da súa formación se esforce en buscar solucións aos problemas que aparecen, neste caso derivados do Covid-19, non en crear novos problemas que engadir aos xa existentes. Elas e eles forman parte do noso presente e serán o noso futuro. 

(Este texto foi remitido á Xefatura Territorial de A Coruña o Venres 11)